O día 29 de abril as alumnas e alumnos de Cultura Clásica de 3º da ESO asistimos a unha visita guiada polas instalacións das salinas situadas na rúa Rosalía de Castro.
Os restos arqueolóxicos das salinas, ocultos durante séculos, foron descubertos pola construción do centro sanitario do Areal. Vaia... que na época da romanización no Areal podía chegarnos a auga ata os xeonllos!
Dunha maneira amena, a través de restos arqueolóxicos e da gastronomía (tivemos a oportunidade de facer pequenas degustacións), o monitor axudounos a entender como vivían na antigüidade tanto os cidadáns con cartos coma os que non dispoñían dun alto poder adquisitivo, facéndonos comprender e valorar a influencia que tivo a cultura romana na nosa cultura actual.
Descubrimos que o sal non só servía como condimento das comidas: os romanos o utilizaban como método de conservación de alimentos e mesmo como salario.
En xeral foi unha visita entretida e enriquecedora que nos achegou unha visión máis realista dos nosos antepasados e da Cultura Clásica.
Fotos na páxina do cole: http://www.salesianosvigo.es/index.php/item/visita-as-salinas-de-3-de-eso
Enlace Centro Arqueolóxico do Areal: http://www-museodomar.xunta.es/salinae/